Estudo de salarios / Salarios desde a perspectiva do fogar

Estudo de salarios. Salarios desde a perspectiva do fogar

Introdución

Neste apartado analízanse os fogares de Galicia en relación aos ingresos salariais que perciben a partir da información que anualmente proporciona a Enquisa estrutural a fogares.

Considéranse fogares con algunha persoa asalariada aqueles nos que algún dos seus membros tivo algún ingreso proveniente de traballo por conta allea.

Defínense catro fontes de renda e para cada fogar calcúlase a fonte de renda máis importante cuantitativamente, o que permite a clasificación dos fogares como segue:

  • Fogares cuxa principal fonte de ingresos son os salarios (ingresos dos traballadores por conta allea).
  • Fogares cuxa principal fonte de ingresos son os ingresos dos traballadores por conta propia.
  • Fogares cuxa principal fonte de ingresos son as prestacións (inclúen as pensións contributivas e non contributivas e as prestacións e os subsidios por desemprego).
  • E unha categoría "outro tipo" na que se recollen aqueles fogares nos que a fonte máis importante de ingresos son os ingresos non utilizados como variable de clasificación nas categorías anteriores (rendas do capital e da propiedade e outros ingresos).

Tamén se calculan, nos fogares con ingresos salariais, o peso destes ingresos sobre o total de ingresos do fogar e así obter os fogares nos que os salarios son máis do 50% dos ingresos totais, máis do 75 % dos ingresos totais e os que os salarios son o 100% dos ingresos que teñen.

Fogares con persoas asalariadas

Incidencia dos fogares con persoas asalariadas sobre o total de fogares por áreas. Ano 2017
Porcentaxe

As áreas das provincias da Coruña e Pontevedra son as que teñen unha maior incidencia de fogares nos que hai algunha persoa asalariada. Así, en todas as áreas destas dúas provincias, a incidencia dos fogares con algunha persoa asalariada é superior ao 50%.

Pola contra, nas provincias de Lugo e Ourense é onde se sitúan as incidencias máis baixas e así, agás as áreas de Lugo central, A Mariña e Ourense, a porcentaxe de fogares con algunha persoa asalariada non acada o 50% dos fogares.

A incidencia máis alta atópase na area de Santiago na que case o 70% dos fogares teñen algunha persoa asalariada (69,59%). No outro extremo atópase a área de Ourense sur na que só o 35,12% dos fogares teñen algunha persoa asalariada.

No ano 2017 o 56,82% dos fogares de Galicia teñen algunha persoa asalariada (0,19 puntos máis que no ano 2016). A incidencia dos fogares con algún salario vén diminuíndo lentamente dende o ano 2007 ata os anos 2013 e 2014 (cando se situa por debaixo do 55%) para, nos ultimos tres anos, aumentar lixeiramente.

Por tipoloxía do fogar, os fogares compostos por unha parella con un ou máis fillos son onde os fogares con persoas asalariadas teñen máis peso (un 83,40%). No outro extremo atópanse os fogares unipersoais, compostos por unha única persoa e onde o 28,03% son asalariadas.

Incidencia dos fogares con persoas asalariadas segundo a tipoloxía do fogar. Galicia
Porcentaxe

Fogares con persoas asalariadas segundo a tipoloxía do fogar. Galicia. Anos 2007 e 2017

No período 2007-2017 a incidencia dos fogares con algunha persoa asalariada diminúe nos diferentes tipos de fogares, agás nos unipersoais nos que o peso deste tipo de fogares pasa dun 25,66% a un 28,03%.

O peso dos fogares con algunha persoa asalariada diminúe dende os 1,71 puntos porcentuais nos fogares compostos por unha parella con fillos ata os 5,69 puntos nos fogares monoparentais.

No ano 2017 o 45,27% dos fogares galegos teñen como fonte principal de ingresos os salarios seguidos dos fogares que teñen como fonte principal as prestacións (o 43,78%), mentres que os fogares que teñen como fonte principal o traballo por conta propia non chegan ao 10%.

Se nos restrinximos aos fogares con persoas asalariadas, no ano 2017 en Galicia o 79,66% destes fogares teñen como fonte principal de ingresos do fogar os salarios. Esta porcentaxe vén diminuíndo lentamente dende 2007, ano no que os fogares onde os salarios eran a principal fonte de ingresos representaban o 82,39% do total de fogares con persoas asalariadas.

Dentro dos fogares con algunha persoa asalariada, no 14,07% deles as prestacións constitúen a maior fonte de ingresos. Isto é, aínda que o fogar teña algunha persoa asalariada, o ingreso total por salarios é inferior ao ingreso total por prestacións. Este peso, ao contrario que no caso anterior, vén aumentando e pasou de ser o 10,37% en 2007 ao 14,07% en 2017.

Distribución do total de fogares e dos fogares con persoas asalariadas segundo a principal fonte de ingresos. Galicia
Porcentaxe

Distribución dos fogares segundo a fonte principal de ingresos. Galicia. Ano 2017
Total de fogares e fogares con algunha persoa asalariada

Fogares nos que os salarios representan máis dun 50%, 75% ou 100% do total dos seus ingresos. Galicia e provincias
Porcentaxe

En 2017, no 44,49% dos fogares galegos os salarios representan máis da metade dos ingresos totais do fogar, no 32,74% os salarios representan máis do 75% e no 24,20% dos fogares galegos os ingresos constitúen a totalidade de ingresos do fogar. Estas porcentaxes incrementáronse con respecto aos anos inmediatamente anteriores (2016 e 2015) pero aínda son inferiores ás do ano 2007.

Por provincias, as porcentaxes dos fogares nos que os salarios son superiores ao 50%, ao 75% ou igual ao 100% son maiores na Coruña e Pontevedra. Así, a porcentaxe de fogares nos que os ingresos salariais son máis do 50% sitúase no 46,83% na Coruña e no 46,90% en Pontevedra, mentres que en Lugo e Ourense estes fogares non acadan a ser o 40% do total de fogares provinciais.

Na táboa inferior preséntase, para cada provincia e Galicia, a porcentaxe de fogares nos que os salarios son máis da metade dos ingresos do fogar xunto coa porcentaxe de fogares nos que as prestacións son máis da metade dos ingresos do fogar.

Na Coruña e Pontevedra os fogares con predominancia de salarios superan aos fogares nos que máis da metade dos ingresos son prestacións; pola contra en Lugo e Ourense os fogares nos que máis do 50% do ingreso son prestacións superan aos fogares con maioría de salarios.

Se analizamos estas porcentaxes para os anos 2007 e 2017 en Galicia, a porcentaxe de fogares nos que os salarios son máis do 50% dos seus ingresos totais diminúe 4,89 puntos en todo o período, mentres que a porcentaxe de fogares nos que as prestacións son máis da metade dos seus ingresos aumenta 6,04 puntos porcentuais.

En 2007, a porcentaxe de fogares con predominancia de salarios é moi superior á porcentaxe de fogares con predominancia de prestacións (12,35 puntos de diferenza) mais en 2017 as ditas porcentaxes son moi similares (1,43 puntos porcentuais de diferenza)

Fogares nos que os salarios/prestacións representan máis do 50% do total dos seus ingresos. Galicia e provincias
Porcentaxe

Ingresos totais dos fogares

Estrutura dos ingresos no total de fogares de Galicia e nos fogares con algunha persoa asalariada

En 2017 os ingresos salariais representan o 51,02% do total de ingresos dos fogares. Esta porcentaxe (sen grandes cambios nos últimos anos) aínda é menor da cifra de 2007 cando os ingresos salariais dos fogares eran o 57,10% do total dos seus ingresos. Nos fogares con algunha persoa asalariada, os salarios representan o 74,34% dos ingresos totais, cifra moi similar á dos anteriores anos.

Total de fogares. Galicia
Porcentaxe

Fogares con algunha persoa asalariada. Galicia
Porcentaxe

Ingresos medios mensuais por fogar segundo a tipoloxía do fogar. Galicia
Euros por fogar

No ano 2017 o ingreso medio mensual por fogar increméntase nun 3,59%, pasando de 2.007 en 2016 a 2.079 euros en 2017, valor que xa sobrepasa o ingreso medio do ano 2007. Por tipoloxía de fogar, neste último ano todos os tipos de fogares viron incrementados os seus ingresos medios mensuais, agora ben os fogares compostos por unha parella con fillos son os únicos onde os seus ingresos aínda non acadaron os niveis do ano 2007.

No ano 2017 o ingreso medio mensual por fogar, nos fogares con algunha persoa asalariada, acada os 2.512 euros (433 euros superior ao ingreso medio mensual por fogar). De xeito similar ao total de fogares, o ingreso medio mensual por fogar dos fogares con persoas asalariadas crece con respecto ao ano anterior (un 3,84%) e sobrepasa tamén os niveis do ano 2007.

Ingresos medios mensuais por fogar segundo a principal fonte de ingresos do fogar. Galicia
Euros por fogar

Nota: non se inclúe "Outro tipo" por falta de tamaño de mostra.

En 2017 os fogares onde os salarios son a fonte principal de ingresos teñen un ingreso medio mensual de 2.486 euros, superior ao ingreso medio daqueles fogares que teñen como principal fonte de ingreso o traballo por conta propia (2.199 euros) ou as prestacións (1.649 euros).

Se nos limitamos aos fogares con persoas asalariadas, os ingresos medios por fogar increméntanse considerablemente cando a principal fonte de ingresos é o traballo por conta propia ou as prestacións debido a que estamos considerando ingreso por fogar e fogares con varios ingresos: salarios e algo máis que ademais é superior a ese salario.

Evolución do ingreso medio mensual do fogar

O ingreso medio mensual por fogar nos fogares con algunha persoa asalariada é superior ao ingreso medio mensual por fogar en todos os anos do período 2007-2017. Así, estes fogares teñen un ingreso superior en aproximadamente 400 euros mensuais. Dáse a mesma diferenza cando nos restrinximos aos fogares nos que os salarios son a fonte principal.

Ingresos dos fogares por tipoloxía do ingreso: salarios e outros

Importe medio por fogar dos diferentes tipos de ingresos e incidencia. Galicia
Euros e porcentaxe

Calculamos os valores medios dos ingresos mensuais por fogar segundo a súa tipoloxía:

  • salarios
  • traballo conta propia
  • prestacións
  • outro tipo

Para cada tipo de ingreso o valor medio por fogar calcúlase nos fogares onde teñen ese tipo de ingreso.

Os salarios son a tipoloxía de ingresos que teñen un valor medio superior por fogar. Así, no ano 2017 o 56,82% dos fogares teñen algunha persoa asalariada e nestes fogares o importe medio por fogar dos salarios é de 1.867 euros. No ano 2017 o ingreso salarial medio por fogar aumenta con respecto ao ano anterior un 4,36%, 0,77 puntos por encima do que creceu o ingreso medio mensual por fogar (3,59%).

O importe medio dos ingresos salariais por fogar diminúe no período 2007-2012 e aumenta no 2012-2017, sen chegar a acadar a cifra de inicio. En 2017 o importe medio por fogar dos ingresos salariais é de 1.867, 27 euros inferior ao importe medio no ano 2007 que era de 1.894 euros.

O importe medio por fogar dos ingresos provenientes do traballo por conta propia teñen unha evolución similar ao importe medio dos ingresos salariais, mentres que o importe medio por fogar das prestacións contributivas aumentou en todo o período sendo, en 2017, 291 euros superior ao importe en 2007.

Así, o gráfico amosa como ata 2010 os importes medios por fogar das prestacións eran inferiores aos importes medios por fogar do traballo por conta propia, pero a partir de 2011 ambos os dous son moi similares.

Evolución do importe medio mensual por fogar das diferentes tipoloxías de ingresos.Galicia
Euros

Ingreso medio total e salarial por fogar (fogares con algunha persoa asalariada) segundo a fonte principal de ingreso do fogar sexan os salarios ou non. Galicia
Euros

Os fogares que teñen como fonte principal dos seus ingresos os salarios teñen en promedio un ingreso total mensual de 2.486 euros, dos que 2.129 corresponderían ao ingreso por salarios.

Os fogares nos que os salarios non son a fonte principal de ingresos teñen un ingreso medio total moi superior ao dos fogares nos que os salarios son a fonte principal dos seus ingresos, mais nestes fogares o importe medio salarial é moi inferior (843 euros en 2017). Isto é así porque nos estamos restrinxindo a fogares con algun salario, non superior aos ingresos por traballo conta propia, prestacións ou outros.

Definicións, fontes e máis información

Definicións

Descarga de datos

Fontes de información

IGE. Enquisa estrutural a fogares. Módulo xeral.

Compartir: